segunda-feira, 25 de maio de 2015

Catálogo "Manufacture française d’armes e cycles"

interior do catalógo  "Manufacture française d’armes e cycles"


Temos esta xoia na Biblioteca do Museo Etnolóxico: un dos catálogos da empresa francesa Manufacture Française d'Armes et Cycles de Saint-Etienne fundada en 1885, coñecida comercialmente como Manufrance e que estivo con actividade até 1985. Este exemplar de 660 páxinas non ten data mais polos produtos e polo formato do catálogo calculamos moi a principios do S.XX.

foto da fábrica que aparece no catálogo
Vendían todo o que nos poidamos imaxinar: menaxe, complementos para todo tipo de deporte, máquinas agrícolas, artigos de decoración, máquinas de coser, máquinas de escribir, cámaras fotográficas, obxectos de óptica, de meteoroloxía, fonógrafos, artigos de viaxe e de camping ... e cos seus correspondentes accesorios, na súa publicidade din que encontrarás o mellor e incluso o que non sabías que existía. A maioría destes obxectos eran fabricados por terceiros, eles o que facían eran distribuilos e vendelos. A principios do S. XX esta fábrica chegou a ocupar unha superficie de 40.000 metros cadrados e máis de 1000 obreros traballando. Neste enlace podedes ver a dimensión da fábrica a través das imaxes de algunhas tarxetas postais AQUÍ.

Non obstante, estaban especializados na fabricación sobre todo en todo tipo de armas e na fabricación de bicicletas. A finais do S. XIX os modelos máis modernos e innovadores saídos desta fábrica causaron furor en todo Europa, incluso tiveron a súa propia marca de bicicletas, Hirondelle. Para coñecer a historia e a evolución da bicicleta hai que consultar os catálogos desta fábrica.

catálogo restuarado dos fondos do Museo
Ademais foi pioneira na venta por correspondencia, vendía por catálogo a toda Europa, de feito este catálogo chegou até Ribadavia, pois forma parte da biblioteca que José Sánchez Bello doou á Asocición de Amigos do Museo Etnolóxico. O exemplar do catálogo estaba en bastantes boas condicións, mais para poder utilizalo a restauradora do Museo tivo que fixar as follas reforzando o lombo do libro e forrando as cuberta para manter a estabilidade. Este catálogo foi utilizado como fonte de documentación de varias pezas do Museo: como un conxunto de chaves, obxectos relacionados coa elaboración de viño, cámaras fotográficas, obxectos de caza e pesca ...

Os catalogos de Manufacture française d'armes et cycles están editados para que sexan fáciles é áxiles na súa consulta, explicando nas primeiras páxinas como se debe facer a consulta: no caso de que se coñeza o obxecto consultando o índice de materias do final, no que indica a folla exacta onde encontrar o produto, se non se coñece o nome do obxecto pódese consultar ao inicio o índice cunha divisón xeral de materias, e para facilitar ainda máis a consulta as follas van impresas en distintas cores segundo unhas divisións xerais. Todos os obxectos do catálogo levan a súa mágnifica ilustración, descrición e función, co seu correspondente número identificativo e o prezo para a venta.

exemplo da precisión e da minucionsidade da edición do catálogo e da variedade de produtos comercializados
As instalaciones da antiga Manufactura de Armas e Ciclos de Saint-Étienne foron rehabilitadas e acollen a  Cidade do deseño (Cité du design). Nesta cidade francesa, Saint-Étienne, situada entre os ríos Loira e Ródano, cuna do deseño, desenvolveuse de maneira moi precoz a Revolución Industrial e até mediados do S. XX foi un dos centros industriais máis importante do país galo.


Na páxina das mediatecas de Saint-Étienne podedes consultar distintos exemplares dos catálogos e da publicidade que elaboraba esta fábrica para vender os seus produtos AQUÍ .

No Musée d'Art et d'Industrie de Saint-Étienne conservan, estudan e difunden o legado que deixou esta fábrica en canto a documentación e a obxectos, sobre todo o relativo a historia da bicicleta e das armas.