terça-feira, 3 de dezembro de 2013

El retrato y la muerte

Cruz Lichet, Virginia de la : El retrato y la muerte: la tradición de la fotografía postmortem en España. Madrid: Temporae, cop. 2013

Este libro é un estudo sobre a práctica da fotografía post-mortem e de defuntos que antano foi algo moi habitual e que na actualidade permanece oculta, é o resultado dunha tese doutoral, defendida en España, e dos primeiros estudos científicos e académicos que se realizaron sobre este tema. Editado por Temporae coa axudado Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, contén un total de 185 ilustracións, das cales 175 son fotografías e 10 documentos orixinais da época.



Foto da autora: Virgina de la Cruz Lichet
Virginia de La Cruz Lichet é Doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade, é profesora de Arte Contemporánea e Historia e Teoría da Fotografía (entre outras) na Universidade Francisco de Vitoria (Madrid). A súa tese doutoral centrouse no estudo da fotografía post-mortem. É experta na historia dos primeiros procedementos fotográficos e, na actualidade, as súas investigacións baséanse no estudo do uso da imaxe na Arte Contemporánea.

Dentro do seu labor investigador, realizou unha investigación no Image Department del Victoria & Albert Museum durante a súa bolsa FPI do Ministerio de Cultura e Fondo Social Europeo, entre outros moitos proxectos de investigación.





Que sentido ten fotografar o corpo sen vida dun ser querido?
 

Esta é a pregunta que nos facemos cando abrimos as páxinas desta publicación e contemplamos as fotografías post-­mortem que nos mostran. Máis alá da sorpresa inicial que poidan provocar en nós, temos que ter en conta que cada imaxe, cada rostro representado e cada corpo inerte, relátanos historias pasadas, e cheas de vida da España de case un século, dende as últimas décadas do S. XIX, ata ben entrada a segunda metade do S. XX.

"El retrato y la muerte" é o primeiro estudo documental basado na disertación da fotografía post­mortem en España a través do cal nos achegamos á sociedade da época, ao seu xeito de sentir, de vivir e porque non, tamén de morrer. A tristura, o intento de captar unha imaxe para a posteridade, o medo ao esquecemento e ata unha proba gráfica da morte por motivos económicos ou de herdanzas, entre outras cousas, desenvolveron o costume de fotografar defuntos, logrando elevar esta práctica a toda unha arte. Coñecidos fotógrafos do momento, pasaron de captar sinxelas imaxes a recrear os máis elaborados escenarios e complexos fondos que trasladaban ao retratado ao outro mundo.


A práctica da fotografía post-­mortem, antano moi habitual, foi, contrariamente ao que poderiamos pensar na actualidade, frecuente tanto entre segmentos de poboación con ou sen recursos. As familias menos favorecidas economicamente, podían chegar ata a empeñar a casa para pagar o funeral, incluída a foto, xa que era o único xeito de poder recordar, in extremis, aqueles que se foron. Normalmente era a única imaxe que se tiña da persoa ou persoas, no caso concreto de fotografías en grupo xunto ao defunto. Na actualidade, este tipo de material fotográfico permanece oculto en case o 75-80% da súa totalidade (cifra difícil de concretar con certeza polo veo de ocultismo que rodea a esta temática). A maioría dos fotógrafos proviñan de ambientes rurais ou cidades moi pequenas e eran practicamente autodidactas e con escasos medios e material técnico, quitando algún caso concreto como Pintos, Rapaza, Reboredo.


 Por azar ou por providencia, a emoción encapsulada destas imaxes chegou as nosas mans, sentémonos pois a escoitar en silencio que nos queren contar....

                                                                                 Virginia de la Cruz Lichet 



Moitas grazas a Virginia por facilitarnos toda a documentación para poder elaborar este artigo
                                                                                                                                   
Bibliografía da autora: