quinta-feira, 16 de fevereiro de 2012

Máscaras do Entroido ourensán


troteiros de Bande. Autor Seadur. En CERES
Caro Baroja no seu traballo “El Carnaval” inclúe ás máscaras ourensáns dentro da categoría de máscaras fustigadoras  pois di "son los encargados de golpear y expulsar únicamente”.
Ainda hoxe as investigacións non se poñen de acordo na orixe destas máscaras, mais, como indica Federico Cocho “o encanto destas máscaras descansa, en boa medida, na súa misteriosa orixe. Sexa prehistórica, romana, medieval ou do século pasado”.  Bouza Brey defendía que as “mazcaras” tiñan a súa orixe en cerimonias máxicas prehistóricas comparándoas coas que levan nas danzas totémicas as tribus indíxenas americanas, africanas ou de Australasia. Caro Baroja falaba dunha orixe romana das festas Lupercais. Enrique Bande relaciónaas co carácter profano que acompañaba ás festas do Corpus, que debido as proibicións por parte da igrexa, a xente derivou cara esta festa totalmente pagana e González Reboredo explica a orixes destas máscaras tamén desde o cristianismo, contrapondo a parte carnal á parte espiritual.
Eladio Rodríguez González no  “Diccionario enciclopédico gallego-castellano”, Galaxia, 1958-1961, fala de botargos, cigarrós, charrúas, choqueiros, murrieiros, peliqueiros.
Bouza Brey no artigo publicado en Galicia Emigrante: cigarróns, felos, murrieiros, choqueirso, charrúas, irrios, guirrios, troterios, borralleiros, foleiros, zamarucos, boteiros, jarelos, maruxas, safurdán…

O fotógrafo Fernando Seadur García Fernández “Seadur” actualmente é un dos importantes retratadores dos distintos Entroidos, no Arquivo Fotográfico do Museo pódense consultar algún destes documentos grazas a doazón feita polo propio autor, no flickr de Seadur AQUÍ  podedes ver fotos do Entroido tamén deste ano 2012.
No catálogo de fondos do Museo en CERES  introducindo a palabra ENTROIDO, podedes ver documentos fotográficos de varios Entroidos.
 Nestes días se percorremos a provincia de Ourense podemos encontrar entre outras estas máscaras, nos enlaces podedes ver fotografías e vídeos que aparecen en internet: (dos peliqueiros, cigarróns e pantallas xa non é preciso)
-Peliqueiro de Laza
-Cigarrón de Verín
-Pantalla de Xinzo de Limia
-Troiteiro de Bande cubre a cara cun pano bordado, sombreiro  adobiado con pequenos espellos e as postais que enviaban os emigrantes ou os soldados. Bouza Brey fai a descrición máis antiga desta máscara.
-Felo de Maceda, Maside, Boborás
 -Vergalleiro de Sarreaus
-Boteiro de Vilariño de Conso, A Gudiña
-Vellarón de Castrelo de Cima (Riós)  http://www.flickr.com/photos/xindilo/4359817491/ . Vellarois ou vellaróns na frontera portuguesa
-A Pita de Eiroás
-O Zarramanculleiro ou Zarramonculleiro de Cualedro http://www.youtube.com/watch?v=w7YlJqsXfXE
 
 Deixamos algunha bibliografía por se queredes afondar no misterioso tema das máscaras do Entroido, todos os documentos pódense consultar na Biblioteca do Museo.
-Bouza Brey: “Las viejas máscaras de Galicia”. Vida gallega nº 671, 1955
-Bouza Brey: “Máscaras arcaicas”. Galicia emigrante, año 2, nº 8 (1955) pp. 4-6 e  p. 16
-Caro Baroja: “Máscaras fustigadoras: máscaras gallegas”.  En: El Carnaval : (análisis histórico-cultural) . Alianza, 2006, pp. 408-411
-Dasairas Valsa, Xerardo: “Entroidos y máscaras del sureste orensano”. Narria, nº 79-80, 1997
-Cocho, Federico: “O carnaval en Galicia”. Xerais, 3ª ed. 2008

segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

Álbum de cromos "Las bellezas de Galicia"


Ao longo da historia do século XX e tamén no XXI os álbums de cromos están na vida de moita xente, iso sí van mudando as imaxes, os temas, as personaxes, mais persiste esa idea de coleccionar e de completar un álbum, que non sempre se consegue. No Museo Etnolóxico conseguimos encontrar completo un álbum de cromos de estampas de “Las Bellezas de Galicia” co número 17008.
“Las Bellezas de Galicia” é o segundo álbum de cromos da colección “España turística y monumental” dirixido por Juan Gil Cañellas editado por Edición Huecograbado de Bilbao. Está formada por 525 estampas en blanco e negro divididas en 60 series: escenas do campo, da feira na aldea, costumes e romarías, portos, pazos, castelos, fontes das catro provincias galegas… na imaxe pódese ver o índice das series. As estampas están feitas sobre fotografías de fotógrafos da época: Pedro Ferrer, José Pacheco, Vázquez Seijas, Eladio Cornide, Rafael Lorente entre outros, aos que o director da obra agradece a súa colaboración. Na cuberta de “Las bellezas de Galicia” aparece un debuxo firmado por  Mel da Catedral de Santiago de Compostela. No exemplar 17008 do Museo Etnolóxico non aparece data de edición, a Red de Bibliotecas do Principado de Asturias data “Las Bellezas de Asturias”, que foi o primeiro álbum da colección, en 1933.
Este álbum de cromos hoxe en día é unha importante fonte de información para o estudo da sociedade e da cultura galega de mediados do s. XX, así como unha obra gráfica para o estudo da fotografía en Galicia.

Un dos álbums máis importantes en Galicia é o publicado en 1936 polo fotógrafo Ksado (Luis Casado):  “Estampas de Galicia” con unha tiraxe de 10.000 exemplares, no que se debían pegar os 405 cromos de diferentes tamaños ( desde 6 x 9 a 12 x 17cm ) que o compuñan. Constitúe un percorrido por todo o país presentando vistas das cidades e vilas, rúas e monumentos, paisaxes, escenas do traballo nos portos e da vida campesiña. A súa concepción queda perfectamente definida na súa propia propaganda "exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios da nosa terra". [información sacada da web do Centro de  Estudos Fotográficos de Vigo].

En 2011 a Editorial Bruguera reeditou tres títulos míticos das orixinais coleccións de cromos : "Banderas del Universo", "Maravillas del Mundo" y "Razas humanas", clásicos editados a mediados dos anos cincuenta, o autor das ilustracións foi  Miguel Conde, que debuxaba en cor a partir de fotografías en branco e negro. Neste caso pérdese a maxia de andar procurando e intercambiando cromos, pois xa van incluidos o álbum e os cromos e só despegar e colar, sen embargo como apunta o editor mais que nostalxia estas reedicións supón recuperar “o retrato dunha época”.