quarta-feira, 23 de fevereiro de 2011

Novidades febreiro 2011

Dentro das novidades incorporadas ao catálogo da biblioteca do museo, no mes de febreiro, destacamos as editadas e coeditadas polo Museo Etnográfico de Castilla y León (Zamora) , institución coa  que a finais do ano 2010 establecemos intercambio. Destacamos as publicacións audiovisuais, interesante traballo de campo de recollida de músicas e danzas tradicionais relacionadas con diversos temas: animais, traballos, a colleita, a indumentaria, así como os catálogos das exposcións: "Campesinas: la memoria de la tierra", "Las alfarerías femenias", "Nec otium, XIX, XX, XXI: comercio e industria en Zamora", para ver todas as publicacións editadas polo Museo Etnográfico de Castilla y León (Zamora) AQUI.
Este importante intercambio lévanos a darlle valor aos intercambios institucionais como vía de adquisición de publicacións e máis neste momento de crise económica, que tanto  está a afectar á compra de material bibliográfico, o que nos fai ir á procura, se cabe con máis fincapé que outros anos, de intercambios con outras institucións, fundacións... para así continuar mantendo actualizada a colección. Este ano, pois,  uns dos obxectivos da Biblioteca do Museo Etnolóxico é aumentar o número de intercambios ofrecendo a cambio as publicacións editadas polo Museo Etnolóxico.

Outras institucións importantes coas que xa temos establecido intercambio son: Deputación Provincial de Ourense, Museo del Traje (Madrid), Ecomuseu Municipal do Seixal (Portugal), Museu Municipal de Penafiel), Centre de Promoció de Cultura Popular i Tradicional Català (Barcelona), Centro de Artesanía Tradicional CAT (Vigo), Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), e por suposto todos os Museos xestionados pola Xunta de Galicia: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Museo de Belas Artes de A Courña, Museo Massó (Bueu) e Museo das Peregrinacións e de Santiago.

 Nunha próxima entrada faremos referencia a outra fonte importante de adquisición de documentos, os que aportan tanto doantes privados como institucionais.

Sem comentários: